Loita sen tregua contra a velutina: retiran 118 niños no rural e 22 no centro en tres meses
Por Redacción
A loita contra a avespa asiática ou velutina non ten descanso en ningún punto de Galicia e en Pontevedra deixa cifras reveladoras de que non para nin un día: nos últimos tres meses retiráronse no municipio 140 niños, 118 nas parroquias do rural e 22 no centro urbano.
O grupo de resistencia anti velutina, integrado por apicultores voluntarios e técnicos do servizo de Medio Ambiente Natural centran os seus esforzos en tratar de parar a súa expansión coa retirada de niños o con campañas de trampeo, pero o traballo preventivo non impide que xurdan niños en todos os puntos do territorio e vense obrigados a retiralos.
Segundo o rexistro municipal correspondente ao ano 2018, xuño e xullo foron os meses de maior traballo, pero esta mesma semana tanto os voluntarios e técnicos no rural como os bombeiros na cidade atenderon xa varias chamadas. De feito, fontes veciñais confirmaron que xa retiraron o niño que estaba a xerar alarma na fachada dun edificio do Paseo de Cervantes.
Tanto na área rural como na máis urbana a aparición, detección e retirada de niños de avespa asiática repunta nos meses de calor. No primeiro caso constátase o aumento de niños en muros e no chan mentres que na área urbana aniñan en tellados, balcóns e xardíns.
Nas últimas semanas o Concello detectou un incremento do número de chamadas, comportamento que atribúen a sucesos como a morte de tres personas nas últimas semanas en Galicia por picaduras de velutinas, que xeraron unha grande alarma entre a poboación.
Desde o Concello recoñecen que se teñen rexistrado picaduras, ataques de enxames e mesmo algún ataque mortal, pero insisten en que na maioría dos casos as incidencias causadas por este tipo de avespa son menores e fan un chamamento á calma.
No caso de que un veciño descubra un niño deste tipo de vespa, pode dirixirse ao Concello enviando a localización en GPS do niño ao whatsapp do teléfono 679 411 930 (teléfono de Medio Ambiente Natural que non recibe chamadas, só atende mensaxes). O departamento porase en contacto co grupo de voluntarios encargados de retirar os niños para darlles a situación exacta.
O concelleiro de Medio Ambiente Natural, Alberto Oubiña, lembra que a loita contra esta praga é competencia da Xunta, pero o Concello -como moitos outros en todo o territorio- está asumindo este traballo. Faino, segundo critica, porque "como noutros casos, a administración autonómica mira para outro lado".
Relacionadas:
-
Chamamento á cidadanía para reforzar o grupo de voluntariado anti velutina, que retira 500 niños por ano
Por Natalia Puga |
-
O alcalde de Bueu presenta ante a Xunta de Galicia unha reclamación pola mala xestión das avespas velutinas
Por Redacción |
-
Veciños alertan dun niño de velutina na fachada dun edificio do Paseo de Cervantes
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Os apicultores alertan sobre as avespas velutinas: "O único xeito de erradicalas é saber onde están todos os niños"
Por Redacción |
-
Obxectivo: eliminar as raíñas da velutina
Por Redacción |
-
Máis de 350 niños de avespa velutina retirados no municipio en só catro meses
Por Diego Espiño |
-
230 niños de velutina retirados en cen días en Pontevedra
Por Redacción |