Sete autoescolas participan nun programa municipal de prevención de condutas adictivas
Por Redacción
O equipo municipal de Prevención de Condutas Adictivas está a desenvolver nas autoescolas de Pontevedra o programa "Cambio de Sentido", que traballa para evitar eses accidentes de tráfico no que interveñen o alcohol ou outras substancias e condutas adictivas.
Este ano por primeira vez, e xa vai pola súa 17 edición, tamén se inclúe o mal uso do móbil cando se está a conducir, debido ao aumento das distraccións, e por tanto dos accidentes, feito polo cal a Dirección Xeral de Tráfico está estudando aumentar as sancións polo uso deste dispositivo ao volante.
Son sete as autoescolas da cidade que participan no programa. Xa se desenvolveron os obradoiros nas autoescolas Chaves, Tambo, Teucro, Peregrina e Cancela. Este mércores 1 de agosto, ás 11 horas, será a quenda na autoescola Camba e o xoves 2 de agosto, á mesma hora, na autoescola Ecovial.
O programa consiste nun obradoiro dunha hora de duración no que persoal municipal explica os diferentes contidos teóricos: tipo de drogas, efectos, o grao alcohólico, as unidades de bebida, como se calcula o índice de alcoholemia, a tolerancia, tipos de dependencia, os límites, mitos, alternativas, medicación, tipos de distraccións e datos. Todo isto faise de forma lúdica a través de dinámicas coma as das gafas simuladoras de alcoholemia para que os participantes sexan conscientes da diminución na percepción que se produce cando consumimos substancias adictivas.
A morbilidade e mortalidade derivada dos accidentes de tráfico constitúen un problema importante nas sociedades industrializadas, cun alto custe económico e humano e onde o denominado "factor humano" é o principal responsable dos accidentes de tráfico.
Segundo os datos do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses (2018) presentados a semana pasada, o 42,1% dos condutores falecidos en España en 2017 e sometidos a autopsia presentaron resultados positivos en sangue a alcohol, drogas de abuso e/ou psicofármacos.
O 66,4% dos casos analizados deron positivo para o alcohol (75,8% con contido de alcohol en sangue superior a 1,2 g/l), o 37,6% para medicamentos e o 26,6% para drogas psicotrópicas. O medicamento máis detectado foi o cannabis (58,3%), seguido da cocaína (50,5%). No que se refire ao consumo asociado, aqueles con maior prevalencia foron o alcohol e a cocaína (7,6%) e o alcohol e o cannabis (6,9%).