O BNG denuncia esperas de ata 15 días para unha cita no centro de saúde de Portas
Por Redacción
O BNG de Portas deu a coñecer este xoves que os veciños desta localidade están a soportar listas de espera de ata 15 días para conseguir unha cita para un profesional médico no centro de saúde local, o que provoca que os pacientes teñan que acudir ao servizo de urxencias para ser atendidos de doenzas que se poderían solucionar cunha consulta de atención primaria.
Segundo denuncian, as citas para consultas e para receitas no centro de saúde de Portas estanse dando con moitos días de retraso dende hai semanas, pero a situación límite chegou a semana pasada, cando as citas se comezaron a dar con quince días de retraso, obrigando aos pacientes a desprazarse a urxencias a Caldas ou a Pontevedra para consultas de atención primaria.
Os nacionalistas indican que hai casos como enfermos crónicos de diabete aos que se lles dá cita para dúas semanas despois da solicitude simplemente para activar as receitas de pastillas que necesitan e que sen esa activación non lle poden subministrar na farmacia.
Segundo denuncian, o centro de saúde de Portas arrastra dende fai anos "problemas moi graves" por falta de persoal facultativo para atender os pacientes que se agravan durante os meses de verán coincidindo coas vacacións do persoal que o Servizo Galego de Saúde decide non cubrir.
Ademais, segundo indican, o Sergas leva dous anos cubrindo a baixa dun médico titular con esporádicas rotacións temporais de distintos profesionais. A baixa definitiva deste médico produciuse hai un par de meses e recentemente cubriu a praza vacante, pero as vacacións da outra titular "volven provocar o caos".
Ademais, lembran que no verán de 2017 a situación chegou a tal deterioro que houbo días laborables nos que o centro médico de Portas quedou totalmente ao descuberto sen ningún facultativo para atender os pacientes.
O BNG-Asembleas Abertas considera esta situación de todo inaceptable e esíxelle ao Sergas a cobertura ao 100% das baixas e vacacións dos profesionais sanitarios do centro de saúde de Portas.