Teatro como terapia para reducir o malestar psicolóxico das vítimas de violencia machista
Por Redacción
A psicóloga María Luisa Mondolfi deseñou e desenvolveu un programa baseado na dramaterapia, unha metodoloxía centrada no potencial terapéutico do teatro, cun grupo de mulleres vítimas de violencia de xénero en Vigo e Porriño que lle permite chegar á conclusión de que este tipo de actividades contribúen a unha "redución importante da sintomatoloxía depresiva" que padecen.
O programa desenvolveuno como parte da súa tese de doutoramento, dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra Margarita Pino, e este venres déronse a coñecer as súas conclusións.
Segundo difunde o DUVI da Universidade de Vigo, o desenvolvemento dun programa de intervención con vítimas de violencia de xénero baseado no uso terapéutico de técnicas teatrais amósase como un medio de superación "do illamento ao que son sometidas polos agresores" e fai posible "unha diminución do malestar psicolóxico e melloras na motivación".
Mondolif explica que se trata dun programa deseñado para as necesidades específicas desta poboación que está articulado en base a dous eixos terapéuticos transversais, un centrado no desenvolvemento de competencias persoais e nas vivencias traumáticas e outro dirixido a fomentar o cuestionamento dos estereotipos de xénero.
Mondolfi, formada en dramaterapia pola North American Drama Therapy Association, desenvolveu o programa con 25 vítimas e sinala que a avaliación deste programa amosou resultados "estatisticamente significativos" na redución da "sintomatoloxía depresiva e no incremento da percepción do sentido da vida".
Ademais, as vítimas tiveron melloras globais en todos os síntomas e variables avaliadas, tales como "a diminución da gravidade do trastorno de estrés postraumático, diminución dos estereotipos sexistas, aumento da autoestima e calidade de vida percibida.
O programa ten o propósito de que poida ser replicado no libro colectivo 'Diseño y evalución de programas educativos en el ámbito social. Actividad física y dramaterapia', que coordinou Margarita Pino.