Pontevedra expresa o seu rexeitamento ante o último crime machista
Por Oskar Viéitez
Pontevedra acolleu este venres dúas concentracións que expresaron a repulsa e condena ante o último crime machista. A Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero confirmou que a morte dunha muller na Coruña, cuxo marido confesou nunha chamada telefónica que fora el quen a mataba, é "un crime machista".
Tras esta confirmación, son 22 as mulleres que foron asasinadas no que vai de ano en España en crimes de violencia machista, que se cobraron tamén a vida dun menor e deixaron orfos a outros catorce.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a "indignación" cada vez maior que se rexistra en todo o Estado ante estes asasinatos "a xente sae á rúa, esa é unha forma de visibilizar ou rexeitamento" e transmitir aos agresores que "están sos" e "acurralalos" porque "xa ninguén entende isto".
Pola tarde, ante a Audiencia Provincial concentrouse o Colectivo Feminista de Pontevedra tras a pancarta "O machismo mata, non sexas cómplice".
Durante o acto leuse un manifesto que pediu a extinción do sistema patriarcal "para chegar á democracia e á igualdade real".
Segundo datos do Ministerio de Igualdade, este mes de xullo cinco mulleres morreron a mans das súas parellas ou ex parellas.