Unha persoa ferida ao chocar un turismo cun camión na avenida de Bos Aires
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha persoa de 71 anos resultou ferida e tivo que ser trasladada por unha ambulancia para recibir asistencia médica tras verse implicada nun accidente de circulación rexistrado sobre as 16.00 horas deste xoves na avenida de Bos Aires, á altura da ponte peonil da Illa das Esculturas.
Segundo explicaron os Bombeiros de Pontevedra, esta persoa circulaba co seu turismo pola avenida de Bos Aires en dirección a Monte Porreiro e, por causas que aínda non foron aclaradas, chocou cun camión que estaba estacionado.
A persoa que conducía o turismo quedou aparvada dentro do mesmo e, nun primeiro momento, pensouse que estaría atrapada, pero finalmente non era así. Os bombeiros non tiveron que intervir para a súa excarceración, pero si colaboraron co persoal sanitario para axudarlle para sacalo do vehículo para prestarlle asistencia. O coche estaba encaixado no camión.
Segundo indicou a Policía Local, o seu pronóstico é grave, pero non se teme pola súa vida. Ten unha fractura nunha perna.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse á altura do número 76 da avenida de Bos Aires. O coche accidentado saíu da ponte dos Tirantes e dirixíase cara Monte Porreiro cando chocou co camión.
O 112 mobilizou aos Bombeiros de Pontevedra, Urxencias Médicas de Galicia 061 e a Policía Local e Protección Civil de Pontevedra.