En Marea celebrará a súa Escola de Verán en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O coordinador de En Marea, Gonzalo Rodríguez, presentou este martes a súa Escola de Verán "Unitaria" que se desenvolverá o 21 e o 22 de xullo no Café Moderno de Pontevedra.
Unitaria é unha homenaxe a un modelo educativo que pretende "seguir reflexionando, engadir ideas novas, debater sobre esas novas ideas e sobre nós mesmos".
Durante as dúas xornadas da Escola de Verán os ámbitos do debate se centrarán na política municipal e tamén queren "aprender e reflexionar sobre a propia confluencia, pensar onde estamos, onde queremos ir, como podemos ir, e pensar tamén no escenario para as eleccións europeas".
"O que buscamos nestas xornadas é un proceso de debate aberto, de dispoñer as ideas, de reflexionar, de afondar esas ideas, de seguir aprendendo, e de, a través desa capacidade de aprendizaxe, seguir tendo capacidade de innovar. O diálogo e a aprendizaxe son dous aspectos que queremos salientar especialmente nestas xornadas" concretou Gonzalo Rodríguez.
Ademais das charlas centradas nestes temas, durante os dous días está programada unha visita ao Museo de Pontevedra, un roteiro por Lourizán contra ENCE, xantar, cea e Cantos de Taberna, entre outras actividades.