A Brilat volve ao monte contra os incendios: "Intentamos aportar nuestro granito de arena para que Galicia no sufra esa lacra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un total de 27 patrullas militares percorren desde a medianoite do domingo, 15 de xullo, camiños e montes de 32 concellos distintos repartidos en sete distritos forestais das provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense para cumprir cun labor preventivo para evitar incendios forestais.
A súa presenza non é nova, pois responde a un convenio entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia que se repita cada verán desde 2007, pero non por habitual o seu labor chama menos a atención ou resulta menos importante e este martes recibiu o recoñecemento dos seus mandos militares e de autoridades civís como os conselleiros de Presidencia e Medio Rural, Alfonso Rueda e Ángeles Vázquez.
Os dous conselleiros achegáronse ata a base da Brigada Galicia VII en Figueirido (Vilaboa) para a presentación oficial da operación, bautizada, como cada ano, como Centinela Gallego e que está xa no seu terceiro día de actividade. Acompañáronlles o xeneral da Brilat, Antonio Romero, responsable militar do operativo; e o tenente coronel José María Leira Neira, xefe do Estado Maior da Brigada e responsable da célula de seguimento da campaña.
O xeneral Romero destacou que esta operación, que implica á Brilat e o Terzo Norte de Infantería de Mariña da Armada de Ferrol, é para eles "una oportunidad única de participar en una misión de apoyo directo a la población", pois este ano, por exemplo, empezarán misións de Líbano e Mali, pero ese tipo de operación "se diluye un poco en la distancia".
Neste caso, o seu "afán" é "que no haya ningún incendio en nuestra zona durante el tiempo que estemos". Aínda que saben que "es muy difícil, desde luego", pero vano tentar e os soldados "están muy motivados, con muchas ganas". Para a brigada "supone aumentar nuestras raíces con Galicia" e a maioría do persoal é galego, co cal "sienten el terreno como suyo, sienten los incendios, le afecta igualmente igual que a cualquier ciudadano gallego".
"Intentamos, en la medida en que podemos, aportar nuestro granito de arena para que Galicia no sufra esa lacra", destacou, mentres que o tenente coronel José María Leira profundou no obxectivo desta campaña que ten fins preventivos e as misións de vixiar os montes e actuar de elemento disusorio para a presenza de incendiarios ou de alerta temperá ás autoridades civís no caso de que se produciu un lume.
Alfonso Rueda destacou que as patrullas despregadas polo Exército intégranse nun dispositivo de 7.000 efectivos mobilizados para vixiar, protexer e coidar a riqueza forestal galega e defender os bens e a persoas que se poden ver ameazados polo lume.
O conselleiro destacou que estamos ao principio do período crítico de incendios e, tras os primeiros días, "afortunadamente" non se produciu "una situación preocupante", pero, de todos os xeitos, insiste en que "nuestro deber y nuestra obligación es estar preparados para cualquier situación que se plantee". "El mejor remedio, la mejor arma, la mejor medida es prevención, vigilancia y, cuando haya que actuar, estar preparados", insistiu.
O operativo prolongarase ata o 15 de setembro con posibilidade de ampliarse ata un máximo de 15 días máis e ten este ano as mesmas características e cifras que na campaña anterior, na que participaron ao longo de toda a operación preto de 500 militares que percorreron 500.000 quilómetros e realizaron máis de medio centenar de voos co sistema aéreo pilotado por control remoto (RAVEN), os drons.
O dispositivo mantén despregadas neste momento 27 patrullas da Brilat e do Terzo Norte de Infantería de Mariña, pois o risco de incendio está considerado como medio, pero prevese que o nivel de despregamento pode aumentar ata 50 en caso de risco algo -das que dúas serían medios aéreos- e 75 se é moi alto -catro aéreos-.
Relacionadas:
-
Medio Rural atrasa este ano a presenza de militares nos montes na campaña de prevención de incendios
Por Natalia Puga |
-
A Brilat pecha a operación 'Centinela Gallego' cun 88% menos de lumes
Por Redacción |
-
Balance positivo, ata o momento, da 'Operación Centinela'
Por Redacción |
-
A Garda Civil saca a cabalería (e a 2.300 efectivos) contra os incendios forestais
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Ata a elección do leite que se compra conta na prevención de incendios
Por Marisa Ciordia |
-
A UME desprégase na base da Brilat no marco da loita contra os incendios
Por Natalia Puga |
-
A Brilat súmase desde o domingo á campaña de prevención de incendios forestais
Por Redacción |
-
Arranca a operación "Centinela Gallego" cun maior despregamento da Brilat
Por Oskar Viéitez |