Feijóo vincula a permanencia de ENCE a ver "que oferta e que melloras económicas está disposta a facer"
Por Redacción
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, vinculou este venres a permanencia da factoría de Ence na Ría de Pontevedra a unha posible oferta ou "mellora económica" que estea disposta a facer a empresa.
En declaracións aos medios en Santiago de Compostela, Feijóo referiuse ás polémicas declaracións do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, nas que se preguntou "estamos en condicións de desperdiciar os postos de traballo de ENCE? Eu sinceiramente creo que non".
Fronte a elas, o presidente da Xunta asegurou que "actualmente o que está no programa do PP é que esa concesión caduca en 2018" e que para adoptar calquera decisión en relación co seu traslado ou permanencia será "determinante" un informe emitido pola Administración autómica, que "non hai unha prórroga automática nin a Xunta decidiu facer ese informe determinante favorable a ela".
Non obstante, a continuación, recoñeceu que "imos ver que din as institucións, que oferta Ence, que melloras económicas está disposta a facer a empresa e con toda esta información, decidiremos que facemos".
Horas despois destas declaracións de Feijóo, acudiu a Pontevedra o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que se remitiu ás palabras de Feijóo para responder ás incisivas preguntas dos medios de comunicación ante unha posible prórroga á concesión de Ence para que continúe máis alá de 2018.
O conselleiro insistiu en que "nese sentido, non existe ningunha novidade ao respecto, existe unha concesión que remata non 2018" e asegurou que "o que está claro é que a aprobación da Lei de Costas non significa ningunha ampliación, ningunha prórroga automática de ningunha instalación industrial da nosa costa".
En varias ocasións sinalou que antes de tomar calquera decisión a Xunta de Galicia "cumprirá coa sua obriga, escoitará a todos os sectores da sociedade tanto de Ponteveda como da provincia e en función diso decidirá lóxicamente en defensa dos intereses xerais de Galicia". Ademais remitiuse ao programa electoral do PPdeG: "o Goberno da Xunta concorreu ás eleccions autonómicas cun programa que está escrito e que di moi claro que no 2018 remata a concesión de Ence".
Relacionadas:
-
Moreira apoia os traballadores de ENCE ante o ERE proposto pola empresa
Por Redacción |
-
Louzán: "Estamos en condicións de desperdiciar os postos de traballo de ENCE? Eu sinceiramente creo que non"
Por Alejandro Espiño |
-
Louzán abre a porta á continuidade de ENCE na Ría e Lores cre que é un "auténtico escándalo"
Por Alejandro Espiño |