Xosé Manuel Fernández Abraldes optará á reelección como alcalde de Barro
Por Redacción
O actual alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, optará á reelección nas próximas eleccións municipais. A asemblea local do BNG elixiuno como candidato por aclamación.
Na súa intervención diante da asemblea, Abraldes puxo en valor o traballo realizado nestes tres anos de goberno "que sentaron as bases do Barro do futuro", un traballo colectivo que, segundo explicou, tivo como eixos básicos o diálogo, a participación social e a transparencia na xestión.
Abraldes resaltou a "eficaz e rigorosa" xestión económica do seu goberno, que permitiu realizar obras necesarias e atender necesidades básicas da poboación e tamén resolver problemas "enquistados" herdados dos anteriores gobernos do PP, "como todo o que ten a ver coa accesibilidade e seguranza viaria".
A acción de goberno favoreceu tamén, engadiu o alcalde, unha dinamización social "sen precedentes", que converteu ao concello de Barro nun "referente cultural de primeira orde".
O alcalde e candidato á reelección puxo en valor o "intenso e frutífero" traballo realizado e animou aos presentes a estar orgullosos do xa feito e a traballar con forza para que nas vindeiras eleccións municipais de maio de 2019 "se consolide este avance e se poida dar un salto cualitativo adiante" na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Barro.