Música, cine, teatro e obradoiros infantís na Semana Cultural da Lama
Por Redacción
A Lama celebrará a súa tradicional Semana Cultural do 26 de xullo ao 4 de agosto. Trátase dunha programación que contempla unha variada oferta lúdica e cultural para todos os públicos.
A Semana Cultural, que comeza a modo de preámbulo o xoves 26 de xullo, ás 19 horas, coa actuación na Praza da Pedreira da Banda de Música de Campo Lameiro, contempla tamén a participación da Banda de Música da Estrada, o venres 27 de xullo, tamén ás 19 horas, na céntrica praza lamense.
O sábado tomará o relevo Cine na Rúa, ás 22:30 horas na Alameda, coa proxección da película cómica española Señor, dame paciencia. O domingo actuarán ás 12 do mediodía na Praza da Pedreira Os Coribantes de Buchabade e Os Catro Ventos, coa segunda edición do Concerto de Bandas de Gaitas.
O luns 30 de xullo a actividade segue no Río Verdugo, esta vez a cargo do Club de Piragüismo Vilaboa, que poñerá a disposición do público en xeral, e de todas as idades, canoas autovaciables para poder sucar este importante afluente que constitúe un dos elementos ambientais máis apreciados na Lama.
Pola súa banda, o martes 31 de xullo, ás 21 horas na Alameda, terá lugar a posta en escena da comedia teatral Triste Chegada, protagonizada por un elenco de actores e actrices pertencentes ao grupo de teatro Xenio, de Pontevedra, un dos máis coñecidos e de maior traxectoria na provincia.
O mércores 1 de agosto os protagonistas serán os nenos cunha festa infantil na Alameda, que dará comezo ás 17 horas, e prolongarase coa participación de inchables, touro mecánico, aparellos lúdicos con piscina e unha festa da escuma.
A continuación, ao redor das 20 horas, terá lugar a actuación do grupo de Teatro Musical Infantil Os Ilusionistas que poñerán en escena varias pezas músico-teatrais coa participación activa dos nenos e nenas asistentes ao evento.
O xoves 2 de agosto haberá unha nova proxección de Cine na Rúa, na Alameda a partir das 22:30 horas, coa emisión da película de ciencia ficción para todos os públicos Valerian e a cidade dos mil planetas.
O venres 3 de agosto terá lugar o Festival do Río Verdugo coa actuación estelar de Óscar Ibáñez Tribo e Os Coribantes de Buchabade que farán as delicias dos amantes da boa música especialmente relacionada coas raíces folclóricas do noso país con innovacións e fusións con outros estilos que fan único a este espectáculo.
A Semana Cultural finalizará coa tradicional Festa da Terceira Idade que terá lugar nas Ermidas cunha comida popular e a animación musical durante toda a xornada deste lugar de reencontro familiar tradicional e que forma parte do panorama estival na Lama.