Un paseo en piragua polo Verdugo para combater a calor
Por Redacción
Para sufocar a calor destes días, non hai nada mellor que un bo paseo polo río. Iso deberon pensar as máis de 200 persoas que, en seis quendas, participaron nunha nova edición do paseo gratuíto en piragua pola contorna da praia fluvial da Lama.
Os participantes, provistos de chaleco salvavidas e supervisados por monitores do Club de Piragüismo de Vilaboa, participaron nunha actividade que superou con fartura o índice de participación, xa que os organizadores tiveron que habilitar máis autovaciables dos previstos inicialmente para albergar quendas de ata 40 persoas.
Os monitores expuxeron aos participantes os distintos modelos de piragua e diferenzas coas canoas, así como as principais técnicas para facer máis eficiente a palada na auga.
Esta actividade gratuíta do Concello da Lama está enmarcada dentro das actividades organizadas con motivo da Semana Cultural e pretende profundar en ofrecer alternativas de lecer diferente para as persoas, especialmente os máis novos, que cada vez se achegan en maior número á praia fluvial de Ponte Verdugo.
A praia fluvial de Ponte Verdugo conta con zona arborizada, espazos de sol e de sombra, mesas e todo tipo de servizos, así como unha serie de melloras realizadas hai un mes para mellorar o acceso a persoas con mobilidade reducida e con problemas de visión.
Esta actividade permitiu tamén un maior goce do tempo libre familiar posto que esta iniciativa do Concello da Lama pretende favorecer tamén a interrelación xeracional a través da práctica de actividades saudables e de encontro coa natureza.
Relacionadas:
-
O sol e as altas temperaturas animan a 200 persoas a sucar o Verdugo en piragua
Por |
-
A praia fluvial do Verdugo, areal sen fume
Por Redacción |
-
Música, cine, teatro e obradoiros infantís na Semana Cultural da Lama
Por Redacción |
-
A Lama quere a bandeira azul para a súa praia fluvial
Por Redacción |