A última sentenza sobre ENCE leva a Mosquera a recoñecer "obvias discrepancias" no Goberno local
Por Natalia Puga
A sentenza da Audiencia Nacional que condena ao Estado a incoar un expediente administrativo de caducidade da concesión de Ence segue afondando as discrepancias existentes no seo do goberno local de Pontevedra. A resolución xudicial censura a situación administrativa dos terreos que ocupa a depuradora dos Praceres e o emisario submarino nas antigas marismas de Lourizán e, de rebote, alcanza á propia concesión da pasteira. Nesta premisa coinciden os dous socios do goberno bipartito, pero o resto da interpretación da sentenza é oposta.
O edil socialista Agustín Fernández e o nacionalista César Mosquera compareceron publicamente este venres para valorar a sentenza e, tras deixar en evidencia as posturas contrapostas de ambos os dous, o concelleiro do BNG recoñeceu: "que hai certas discrepancias no grupo de Goberno ou, polo menos, hai certas ansias por meterse en competencias que son miñas é obvio, non se pode negar".
"Preferiría non crelo, pero está claro que é obvio", indicou Mosquera en resposta ás declaracións realizadas inmediatamente antes por Agustín Fernández lanzando unha mensaxe ao grupo municipal do BNG para que impulse o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e reserve terreos para a situación dunha nova EDAR para o caso de que a de Lourizán teña que cesar a súa actividade.
Ao respecto, o socialista indicou que o Concello de Pontevedra xa sabe dende o ano 2010 que a EDAR non ten concesión e que Costas lle indicou naquel momento que tería que irse en cinco anos, tal e como reproduce a sentenza agora ditada pola Audiencia Nacional, de modo que "non é algo novo, pero non é un tema que debe preocuparnos", pois non se paralizará a estación depuradora ata que houbese outra en marcha. Foi neste contexto no que enviou o seu recado a Mosquera, asegurando que esta situación "solucionaríase no novo PXOM".
"Non hai visos de que vaia haber unha paralización, pero se que hai que ir pensando niso, co obxectivo de que "non nos colla o touro", valorou. Engadiu que, ao seu xuízo, "esta sentencia ven a dicir que temos que poñernos as pilas cun PXOM novo".
Socialistas e nacionalistas tamén se contradín en relacion coa contendencia da citada sentenza. "En ningún sitio da sentenza di que se declara ilegal a depuradora nin que haxa que pechala", opina Mosquera, mentres Fernández valora que grazas a esta sentenza "o final da concesión de Ence está francamente cerca".
Outro punto de fricción e de interpretación diverxente entre os dous socios de goberno encóntrase onde ve cada un deles a solución ao conflito de Ence e a súa cuestionada permanencia na ría de Pontevedra. Agustín Fernández valora que "a única vía é a xudicial" mentres que Mosquera considera que "hai que ir á vía xudicial ante o fracaso da vía política", pero "a vía para sacar Ence de Pontevedra é que haxa un Goberno no Estado e na Xunta que queira sacala".