A subdelegada do Goberno Maica Larriba, preocupada por un acto vandálico contra uns parrulos no río Gafos
Por Redacción
A nova subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, afirma que se teñen adoptado as medidas oportunas para investigar a autoría da agresión que sufriu un pato dos que viven na desembocadura do río de Os Gafos.
Segundo explican desde a Subdelegación do Goberno, o animal foi atacado por un grupo de persoas que, ademais de arrincarlle as plumas, aplicou un aerosol de cor vermella, que sorprendeu aos veciños da zona.
"Procuraremos que non quede impune", sinalou Larriba, que entende que non se poden pasar por alto estas actuacións de carácter vandálico. A Garda Civil, a través do Seprona, está a tentar localizar máis animais que sufrisen a agresión para trasladalos ao centro de recuperación de aves.
"A xente ten que saber que se debe respectar os animais", sinala a subdelegada afirmando que nos próximos días continuarán as investigacións co obxectivo de localizar aos autores desta acción. "Seremos inflexibles no cumprimento da normativa de protección animal", asegura Maica Larriba, que na tarde do xoves 12 levará a cabo un acto oficial de toma de posesión do cargo na Subdelegación do Goberno de Pontevedra.