Bueu xa está listo para festexar o Carme do 14 ao 16 de xullo
Por Redacción
Este venres presentábase a programación das Festas do Carme, patroa dos mariñeiros, en Bueu. A Praza de Abastos acollía este evento coa presenza do alcalde Félix Juncal; o concelleiro de Cultura, Xosé Leal; a presidenta da asociación de Alfombras, Carmen Santos e o párroco da vila, José López.
O programa, que organiza a asociación Bueu en Festas, iniciarase o 14 de xullo a partir das 12.00 horas cunha tirada de fogos. A verbena contará coa actuación de Ritmo Xoven e Pasarela. Durante o domingo celebrarase o Día das Dores. Ás 10.00 horas, a Banda de Música de Vilanova de Arousa levará a cabo un pasarrúas e, a continuación, celebrarase un baile folclórico a cargo do grupo Recordos da Nosa Terra no Eirado da Igrexa.
A Coral Polifónica Acordes de Bueu cantará na misa das 12.00 horas, que despois dará paso á procesión. As orquestras Trevo e Compostela actuarán durante a noite.
O luns chega o día grande destes festexos. A partir das 10.00 horas, actuarán a Banda de Música Artística de Bueu e a Banda de Gaitas Manxadoira. Ás 12.00 horas desenvolverase a cerimonia relixiosa cunha procesión ata a Lonxa de Bueu, onde se expoñerán as Alfombras florais.
Ás 18.00 horas a Coral Maruxía intervirá na misa maior e, a continuación, Retrouso de Cela ofrecerá unha actuación de baile folclórico. A verbena estará amenizada pola orquestra Tango e haberá unha tirada de fogos de pirotecnia para pechar a celebración.
Ademais, a asociación cultural de Alfombras de Bueu organiza durante esas xornadas o Encontro Internacional de Alfombristas, no que participarán unha ducia de delegacións, seis delas pertencentes á comisión internacional e outras seis de diversos puntos de Galicia, que realizarán tapices florais nas proximidades á Lonxa. Estes traballos centraranse no mar e nas súas xentes.