Espazo de Lecer en Barro para que os escolares aprendan arte e ecoloxía
Por Redacción
Noventa escolares están a gozar do Espazo de Lecer que se desenvolve no Concello de Barro durante este mes de xullo. Os menores levan a cabo, a través desta iniciativa, actividades lúdicas, educativas e culturais da ludoteca, que este verán céntranse nas artes e na ecoloxía.
Con propostas como ecomúsica, ecodanza, ecocirco, ecoteatro, ecocine, ecoarte e ecoarquitectura, os monitores ofrecen diversas temátivas para que os pequenos aprendan ademais de divertirse fomentando unha mente creativa e sempre respectuosa co medio ambiente.
Esta proposta que se puxo en marcha durante esta semana, terá continuidade en agosto nun segundo período que xa conta con cincuenta inscritos. Espazo de Lecer tamén quere axudar na conciliación da vida familiar e laboral no período de vacacións escolares.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, realizou unha visita aos visitantes para comprobar o bo funcionamento desta ludoteca.