Racelo acolleu o partido de fútbol A Lama contra o resto do mundo
Por Oskar Viéitez
O campo municipal de Racelo acolleu o partido de irmandamento protagonizado polos nenos da Lama residentes no estranxeiro e os que viven en Galicia.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, foi o encargado de realizar o saque de honra e fixo entrega aos participantes dos equipamentos en nome da corporación municipal e que, nesta ocasión, emulaban as cores da selección española e mexicana, respectivamente.
Este partido, coordinado por Leti Reverendo, pretende fortalecer o vínculo existente entre os lamenses residentes no estranxeiro e os que viven en Galicia coa intención de que as segundas e terceiras xeracións sigan mantendo, a través desta actividade lúdica e deportiva, a raíces e a identidade coa terra dos seus pais.
Segundo Jorge Canda "é unha iniciativa que levamos apoiando desde hai anos e o que buscamos é que os nenos e nenas que veñen á Lama a pasar as súas vacacións cos seus pais se coñezan, se relacionen cos seus veciños e que ao mesmo tempo se divirtan facendo deporte que é unha práctica moi saudable desde o punto de vista físico pero tamén como elemento de socialización, que é o que tamén se busca con esta iniciativa".
Esta actividade repetirase ao longo dos mércores do mes de xullo e finalizará cunha gran churrascada.