Cospedal fai campaña en Pontevedra para suceder a Rajoy
Por Redacción
A secretaria xeral do PP e presidenta do partido de Castela-A Mancha, María Dolores de Cospedal, incluíu Pontevedra na súa ruta de campaña para lograr os apoios dos afiliados de cara o congreso no que sairá elixido o sucesor de Mariano Rajoy á fronte da agrupación.
A precandidata a presidir o PP mantivo un encontro con afiliados na sede provincial do PP na tarde-noite deste venres no que estivo arroupada por cargos do partido a nivel autonómico e estatal como a deputada por Pontevedra e presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado; ou o presidente do PP provincial e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
A cita con Cospedal dentro da carreira sucesoria de Rajoy congregou na sede do PP a un nutrido grupo de militantes e cargos 'populares', entre eles, a ex subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, ou o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís.
A candidata para liderar o PP tivo unha intervención aberta aos medios na que insistiu ante os presentes que o partido necesita "trasladar aos españois que quen defende a liberdade en todos os ámbitos é o PP" e que son o partido que defende o "patriotismo constitucional", pois "nós estamos orgullosos de España".
O discurso mostrou todo o seu respecto ao presidente 'popular' saínte, Mariano Rajoy, que "ten a Pontevedra e Galicia como a súa terra", e quixo renderlle homenaxe como "o mellor presidente da democracia española" e o que "fixo que o noso país teña a mellor dirección no momento máis difícil" e "gobernou pensando en todos os españois, tamén naqueles que o maltrataron a el persoalmente".