Os Saljariteiros e Raul Pesqueira Fariña, premios Lingua de Ouro 2018 de Marín
Por Redacción
A asociación Queremos Galego Marín entregará este ano os seus Premios Lingua de Ouro 2018 a Os Saljariteiros e a Raul Pesqueira nun acto previsto para o venres 6 de xullo a partir das 21.00 horas no bar Lorenzo (Taberna da Potona), na rúa Sagrada Familia de Cantodarea.
Raúl Pesqueira Fariña leva o premio na categoría individual pola súa faceta de artesán de xoiaría marinense que, continuando unha longa tradición familiar, rexenta o seu propio taller de xoiaría en Marín. Raul Pesqueira inspírase nos motivos patrimoniais de Marín para crear diferentes tipos de alfaias cos que promocionar e descubrirlle á xente o noso patrimonio. Ademais, atende, realiza toda a comunicación, difusión, promoción e documentación do seu taller en lingua galega.
Na categoría de colectivos premiase ao grupo Os Saljariteiros de Marín por facer da música tradicional a súa razón de ser, contribuíndo de xeito importante á normalización da nosa lingua e á preservación e recuperación de tradicións musicais como os cantos de taberna, seráns, cantos de reis e outras manifestacións culturais que cómpre preservar para o futuro.
Ademais, levará o Premio Lingua de Trapo o concelleiro de rural, Pablo Novas Caballero, por "mal entender como parte das súas funcións públicas de representación institucional e tarefas políticas, a recollida a eito da toponimia e microtoponomia, de xeito totalmente acientífico, sen contrastar e sen asesoramento técnico lingüístico".
A Asociación Queremos Galego Marín reclama neste senso, a contratación dun servizo de normalización lingüística que poña os piares para mellorar a situación e uso do galego en Marín, e que se ocupe, coordine e dirixa tarefas como a da recollida da toponimia e a microtoponimia con criterios lingüísticos contrastables.
Durante o acto de entrega dos premios, a Asociación Queremos Galego Marín tamén realizará unha pequena homenaxe póstuma á marinense Concepción Sanjorge Couso, Concha 'Cara Lavada', falecida en abril deste ano.