Un convenio entre a Deputación e Ponte Caldelas permite crear unha senda peonil dun quilómetro
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponte Caldelas acaban de asinar un convenio de colaboración para realizar unha nova senda peonil que unirá o centro da vila co núcleo de Parada, de xeito que mellorará a mobilidade da veciñanza que transita a pé pola estrada provincial EP-0206.
O convenio asinárono a presidenta provincial, Carmela Silva; o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez; e o alcalde, Andrés Díaz. Todos manifestaron a importancia de aumentar a seguridade nunha vía moi transitada por peóns.
O acordo ten un montante económico de 226.089,38 euros, que serán financiados ao 80% pola Deputación e ao 20% polo Concello. Permitirá executar un carril peonil-ciclista con ancho mínimo de 2,50 metros. Os traballos contrataranse de xeito inminente e terán un prazo de execución de catro meses.
O proxecto inclúe unha senda de 1,1 quilómetros que discorrerá pola marxe dereita entre as beirarrúas existentes na estrada PO-532. Instalaranse medidas de calmado de tráfico e faranse melloras puntuais no firme, canalización de augas pluviais e instalación de puntos de luz tipo led cada 50 metros.
Carmela Silva destacou a cantidade de convenios e proxectos en execución que o departamento de Mobilidade está a levar adiante e indicou que o número de proxectos que se están a realizar son unha cuestión "estatística", "obxectiva" e "innegable" e están a dar resposta ás demandas de alcaldes da provincia para repartir os recursos e garantir dereitos e servizos a toda a cidadanía.
A presidenta provincial aproveitou para lanzar unha crítica á Xunta de Galicia e aos seus criterios para facer investimentos nos concellos, pois asegura que hai concellos como o de Ponte Caldelas que está a solicitar obras ao goberno autonómico nas infraestruturas da súa competencia e non está a obter resposta.
Andrés Díaz manifestou o seu agradecemento pola sensibilidade da Deputación ao levar adiante este proxecto, xa que a construción da senda peonil foi unha das primeiras peticións ao departamento de Mobilidade e "foi acollida con interese".
Esta nova senda será a terceira no municipio e supón unha fórmula para protexer aos peóns que pasean por alí e que ten bastante risco ultimamente, de feito, xa houbo algún susto. "Vai ser unha senda, ademais de segura, iluminada, polo que vai ser un avance importante para Ponte Caldelas", destacou.