Localizar e axudar a persoas dependentes no rural, a golpe dun clic
Por Redacción
Un smartphone con conexión a internet e un pequeno grupo de voluntarios sería dabondo para localizar e axudar ás persoas maiores que o precisen nas zonas rurais de Galicia. Con ese obxectivo nace a ferramenta beta para Android @AppDuls. Unha aplicación orientada a resolver os problemas de teleasistencia a maiores que viven en zonas afastadas aproveitando todas as facilidades e vantaxes que ofrecen os teléfonos intelixentes.
O profesor Enrique Varela, titor deste proxecto, xustifica a necesidade de pór en marcha iniciativas coma esta "ao tratarse dunha necesidade social e termos a man a tecnoloxía e os coñecementos necesarios para levalas a cabo". A través dun estudo previo, o alumnado concluíu que o envellecemento paulatino da poboación galega e a súa distribución xeográfica, unido a unha situación económica desfavorable fai necesario deseñar programas específicos para garantir unha atención sociosanitaria básica en todo o país.
Baixo o lema Si se pode, alumnos do segundo curso do Grao en Dirección e Xestión Pública crearon a aplicación @AppDuls a partires dunha plataforma aberta e gratuíta do MIT para Android. No momento no que a persoa precisase axuda, debería tocar na icona da ferramenta dende o seu smartphone e, nun intre e sempre que teña conexión a Internet, unha rede de voluntarios e voluntarias localizaríaa e acudiría na súa axuda.
"Puidemos demostrar que para desenvolver tecnoloxías aptas para a vida cotiá non son necesarios grandes coñecementos tecnolóxicos, si lóxicos e de estratexia sobre a contorna e os actores dunha política pública como é a sociosanitaria", asegura o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Unha "pequena revolución", así presentan profesor e alumnado, a súa aplicación beta para smartphones. En equipo, "deseñamos e creamos esta ferramenta dende a teoría, comprometéndonos coa contorna social e territorial", aseguran os alumnos. "Se estivésemos na universidade privada ou nos movéramos no eido científico-tecnolóxico este proxecto estaría xa nunha incubadora de empresas pero no eido das ciencias sociais aínda queda moito por facer", comenta Varela.