Un camión perde un flotador de batea na Devesa
Por Oskar Viéitez
Un camión que transportaba un flotador de metal perdeu a súa carga cando circulaba polo lugar da Devesa, na estrada entre Pontevedra e Vilagarcía, fronte a Viveiros O Piñeiro.
Segundo informou o 112 o suceso tivo lugar pouco antes das dez da mañá deste venres.
O flotador, habitualmente utilizado nas bateas de mexillón, ocupou dous dos tres carrís que ten a calzada provocando grandes retencións.
A Garda Civil utilizou o único carril que quedou libre e a beiravía para dar saída ao tráfico.
A calzada quedou liberada despois dunha hora.