Detidos por un mínimo de nove roubos tres arousanos que tiñan no garaxe un laboratorio de marihuana
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo nos últimos días a tres veciños de Vilagarcía de Arousa como autores de polo menos nove delitos de roubo con forza e de receptación por comprar e vender obxectos que foran subtraídos en distintos delitos. Durante a investigación, os axentes descubriron que no garaxe dunha vivenda de Vilanova tiñan instalado unha especie de laboratorio para cultivo de plantas de marihuana.
Os arrestos producíronse entre os días 2 e 3 de maio e os detidos son dous homes de 45 e 21 anos naturais de Vilanova de Arousa, aínda que residentes en Vilagarcía, e unha muller de 26 natural de Meaño e co domicilio actual na capital arousana.
Segundo informou a Policía Nacional, dende hai uns dous meses, na oficina de denuncias da Comisaría de Vilagarcía tramitáronse varias denuncias por roubos con forza en almacéns, domicilios e dependencias anexas a estes, onde os autores se apropiaban de maquinas, ordenadores e ferramentas varias. En todos eles se apreciou un modus operandi similar en canto á forma de acceder ao interior.
Realizadas múltiples indagacións, púidose identificar os presuntos autores destes feitos delituosos, así como os vehículos que estes adoitaban utilizar para transportar as máquinas e os efectos subtraídos.
Ao obxecto de localizar e deter estes individuos, durante os últimos días, procedeuse a intensificar a vixilancia e os controis policiais especialmente durante as noites, o que permitiu a detención dos dous homes, e a intervención dous vehículos. Na guanteira dun deles localizouse unha pistola simulada, así como diversas máquinas e ferramentas que posteriormente foron recoñecidas polos seus propietarios.
Continuando as investigacións, nun rexistro realizado nunha vivenda unifamiliar do municipio de Vilanova de Arousa, procedeuse á localización de diversas máquinas, aparatos eléctricos e outros aparellos, así como un uniforme completo pertencente ao Corpo da Garda Civil, sendo intervidos todos estes efectos para determinar a súa procedencia.
Ata o momento imputáronselles nove delitos de roubos con forza, continúan as indagacións para determinar a procedencia de diversos efectos intervidos e aínda non recoñecidos, pois non se descarta que estes poidan proceder doutros feitos delituosos acaecidos en Vilagarcía e na comarca do Salnés.
Durante o rexistro da citada vivenda localizouse, nunha especie de garaxe-almacén do inmoble, 217 soportes de plástico dispostos de todo o necesario para o cultivo de plantas. Unha vez intervidos e depositados en dependencias policiais, púidose observar que xerminaban uns brotes que todo parece indicar que se trata de plantas de marihuana.
O local fora dotado dun sistema de rego individual para cada soporte, un sistema de aireación-ventilación e luz eléctrica. Segundo as coclusiones policiais, trátase dun lugar perfectamente acondicionado e preparado para cultivar plantas de marihuana e para a súa elaboración e posible distribución entre os consumidores dos derivados da devandita substancia estupefaciente.
Un dos detidos, o mozo de 21 anos, foi imputado tamén por un presunto delito cultivo de drogas e trátase de descubrir se tiña colaboradores. Os tres teñen antecedentes por delitos contra o patrimonio e foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía.