O treito peonil da rúa Oliva estreará novo pavimento
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal deu orde para cambiar todo o pavimento central do tramo peonil da rúa Oliva, que se atopa actualmente en mal estado.
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, explicou que esta actuación, enmarcada no plan de mantemento de espazos públicos, executarase nas próximas semanas e foi acordada cos comerciantes da zona.
Colocaranse laxas de cor ocre, descartando a posibilidade dun pavimento de formigón similar ao doutras zonas da cidade. O Concello, do mesmo xeito que os comerciantes, prefería esta opción para destacar o carácter "nobre" desta rúa.
Terán un grosor de 6,5 centímetros para soportar o paso de vehículos, aínda que a circulación pola rúa xa estea limitada á mínima expresión.
Demetrio Gómez asegurou que o segundo tramo da rúa, entre Correos e Riestra, tamén necesita unha reforma en profundidade e explicou que está "en carteira".
Esta actuación na Oliva será asumida con cargo ao contrato de mantemento de espazos públicos que, actualmente, ten a tres equipos realizando pequenas reparacións no ámbito urbano.
Así, un deles xa completou traballos na avenida de Vigo, Benito Corbal, Sagasta, Praza de Galicia e Xeneral Rubín, mentres que se están executando actualmente en Barcelos, Luís Otero, Camiño de Ferro, Estrada e Cruz Vermella.
Un segundo equipo está a renovar a pedra de Arcebispo Malvar e as arquetas na rúa Colón e un terceiro grupo de operarios acometerá obras de maior envergadura en Tablada, a praza de España, Porta Trabancas, Augusto García Sánchez ou o cemiterio de San Amaro.
Relacionadas:
-
O treito peonil da rúa Oliva muda de aspecto
Por Alejandro Espiño |
-
As rúas Oliva, García Camba e Andrés Muruais, en obras
Por Redacción |
-
O remate das obras de Fernando Olmedo atrásase un mes
Por Alejandro Espiño |
-
Adxudican á empresa COVSA a reforma de Cruz Vermella por 1,1 millóns
Por Redacción |
-
Zafarrancho "integral" en Pontevedra para mellorar o pavimento das súas rúas
Por Alejandro Espiño |
-
As solicitudes de reparación nas rúas poderán realizarse vía Internet
Por Redacción |