Os ladróns cébanse coa igrexa de Cerponzóns
Por Natalia Puga
O cura párroco de Cerponzóns denunciou este venres un novo roubo na igrexa parroquial. Na mañá deste venres atopouse coa porta de de madeira rota, danos no interior e con que os ladróns levaron as dúas cousas de valor que se libraron dos anteriores asaltos á igrexa, un teclado e un altofalante.
Segundo relatou o propio párroco, levan unha tempada con multitude de roubos, de modo que mesmo empezou a afacerse a chegar ao templo e atopar os danos. "Ya no me altero mucho", afirma, resignado.
Cando o cura descubriu o roubo á primeira hora da mañá non botou en falta nada, pero á primeira hora da tarde confirmou que si se levaron os instrumentos. Ademais, tivo que chamar a un cerrajero, que acudiu ao longo deste venres ata a igrexa para reparar as desfeitas provocadas na fechadura.
A hipótese que barallan os veciños da parroquia é que o roubo se produciu durante a noite, mentres o templo estaba pechado e baleiro. A porta presentaba importantes danos, pero non faltaba ningún obxecto máis porque, segundo asegura o cura, "no queda nada que robar" tras tantos roubos sufridos.
Fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra sinalaron que ao mediodía deste venres aínda non se recibiu ningunha denuncia do roubo. De feito, na Policía Nacional non tiñan coñecemento de que se produciu ningún feito delituoso na igrexa de Cerponzóns, pois ninguén se puxo en contacto para pedir a presenza policial no lugar.