A festa da compostaxe en Eduardo Pondal adíase ao 1 de xuño polo mal tempo
Por Oskar Viéitez
A festa da compostaxe de Eduardo Pondal coa que se vai celebrar a produción do primeiro compost do primeiro composteiro comunitario instalado no barrio adiáse ao 1 de xuño. Nun principio a Concellería de Servizos tiña previsto celebrar o encontro lúdico coa veciñanza este venres 25 de maio mais as previsións do tempo (chuvias fortes e vento) recomendan o aprazamento.
O primeiro composteiro comunitario de Eduardo Pondal comezou a funcionar o 7 de marzo e o 26 de abril tivo que ser pechado ao estar cheo. As previsións de uso desbordáronse, ao tempo que entraron en funcionamento duas novas centrais de recollida e tratamento de biorresiduos no barrio: un no Camiño de Ferro e outro na praza de Ponte Boleira.
Hoxe en día, deixando a un lado os centros de compostaxe da Brilat e Cidade Infantil Príncipe Felipe (de uso exclusivo desas dependencias) hai 10 composteiros comunitarios funcionando na área urbana: son os das rúas Alemaña e Italia e a praza de Europa no barrio de Monte Porreiro, instalados nunha primeira fase; máis os instalados no campus universitario, en San Brais e os tres do barrio de Eduardo Pondal-O Gorgullon.
Segundo o goberno local, o ritmo "elevadísimo" de uso "fala do interese da veciñanza polo sistema alternativo de tratamento dos biorresiduos" que impulsa o Concello de Pontevedra "e tamén do seu compromiso" xa que a separación en orixe do lixo é perfecta o que está a xerar un compost da máxima calidade.