De pequeno camiño de terra a vía de comunicación
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas está a piques de finalizar as obras de ampliación dun camiño interior do núcleo de Parada, que pasará de contar con apenas un metro de ancho e firme de terra, a unha sección de tres metros e pavimento de formigón.
Trátase dun trazado de 200 metros que dá servizo a dúas vivendas e comunica unha pista asfaltada con outro camiño.
Esta ampliación, ademais de dar servizo aos actuais veciños, permitirá a rehabilitación dunha vella casa de pedra, cuxo propietario está a tramitar a licenza, aseguran desde o goberno local.
Ademais, o Concello comprometeuse ao arranxo das fochancas da pista asfaltada inmediata, obra que foi demorada ata que finalice a actuación na vía.
Os veciños da zona non só cederon os terreos necesarios para a súa ampliación, senón que negociaron a subministración de pedra para o muro de contención a un prezo vantaxoso.