Este sábado volverán a resoar no Boa Vila os toques de leghón
Por Redacción
Roteiros polas rúas e prazas da cidade, exposicións, obradoiros de toques de leghón e baile do ramo, actuacións musicais e serán, artesáns e moito máis! Pontevedra celebrará o próximo sábado 19 de maio a VII Aña Urbana, guiada pola Asociación Cultural Trepia e co soporte do Concello de Pontevedra. A praza de España será o escenario central da festa.
As propostas da Aña Urbana son as seguintes:
- Presentación "Mulleres de Gargamala"
Arredor da tradición apresentarán-nos o seu último traballo de compilación, investigación e divulgación arredor das nosas músicas de tradición oral. Será ás 17.30 horas na carpa da Aña Urbana.
En 2017 viu a luz o seu primeiro libro-cd conxunto: "Mulleres de Gargamala! Cantares de tradición oral" (A Central Folque, colección A Chave mestra), que nesta edición da Aña Urbana nos apresentarán Guillerme Ignacio e Xulia Feixoo.
- Artesáns e Mostra de oficios tradicionais
Durante todo o día 19 na carpa da Aña Urbana. Unha oportunidade para observar de preto o traballo artesanal e aprender un chisco máis do noso patrimonio inmaterial.
- Obradoiros abertos
Ás 18.30 horas, obradoiros de iniciación ao baile tradicional e aos toques do leghón na carpa da Aña Urbana.
- Actuacións musicais e de baile tradicional
Na própia carpa e pola mañá nas rúas e prazas do centro histórico. A partires das 19.30 horas, actuacións dos grupos convidados e dos grupos da A.C. Trépia. Como peche da edición, convoca-se unha vez máis o SERÁN da Aña Urbana.
- Actuación das asociacións convidadas
Durante todo o día as asociacións e grupos convidados sairán ás rúas de Pontevedra para amosar os seus traballos de recuperación dos cantares, bailes e outros ritos relacionados co ciclo das labradas e a propia aña, así como algunha que outra proposta de reinvención e actualización.
O roteiro comezará às 12.00 horas seguindo o seguinte itinerario: Peregrina (12. 05 horas), Ferraría (12.20), Curros Enríquez (12.40), Abastos (13.00), Leña (13.20), Concello (13.40).