Creadores, 500 euros para o mellor cartel ilustrador da Feira da Peregrina
Por Redacción
Por cuarto ano consecutivo a Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra convoca o concurso de carteis para a Feira Taurina da Peregrina. O prazo de presentación xa está aberto e concluirá o 15 de xuño. A convocatoria leva un premio para o cartel gañador de 500 euros.
Os participantes han de presentar os seus traballos nun formato de cen centímetros de alto por setenta de ancho. Aínda que a técnica é libre, é obrigatorio que apareza no cartel o texto: Feira Taurina da Peregrina 2018. Praza de Touros de Pontevedra. Os traballos deben ir montados sobre un soporte ríxido para a correspondente valoración polo xurado calificador do concurso; así como para a súa posible exposición posterior. Igualmente deben entregarse convenientemente embalados.
Estes carteis concursantes irán sen a firma do autor e cun lema que ha de aparecer reflectido na parte posterior do cartel. Xunto a este ha de entregarse un sobre pechado en cuxo exterior se lerá o lema elixido polo autor. No interior do sobre constará: nome e apelidos do autor, domicilio, número de teléfono, fotocopia do DNI e unha declaración asinada facendo constar que a obra concursante é orixinal e inédita.
Poden presentarse persoas físicas de calquera ámbito xeográfico cunha única obra. Non se admitirán obras que quedasen finalistas en convocatorias anteriores do concurso. A entrega pode facerse de luns a venres en horario de 10.30 a 13.30 horas na rúa Marquesa 6 (Copistería Maxcopy) ou na rúa Echegaray 36 (Ferretería Echegaray).
A participación leva a aceptación das bases do concurso,colgadas na web pontevedrataurina.org e a conformidade coa decisión do xurado.