O adro da Peregrina tínguese de graxa contra os adolescentes
Por Redacción
A balaustrada que rodea o santuario da Peregrina e os bancos situados no adro do templo apareceron nos últimos días impregnados de graxa. O tipo de líquido empregado descarta que se trate dun accidente, tivo que ser unha acción intencionada. Descoñécese a autoría, pero a hipótese que cobra máis forza é que a persoa ou persoas que tomaron a medida tiñan como obxectivo espantar os grupos de adolescentes que habitualmente ocupan os arredores do templo.
O ámbito da Peregrina é punto de reunión habitual de grupos de mozos que se sentan nos bancos e a balaustrada e a súa presenza na zona espertou nos últimos tempos as queixas de fregueses e responsables do templo.
A presenza da graxa detectouse ao longo desta semana e veciños de Pontevedra indicaron que o mércores 1 de maio a zona xa estaba manchada e houbo un bo número de persoas que se achegou á Peregrina e saíu coa roupa impregnada. Asistentes ás manifestacións do Día do Traballo que pasaron pola zona queixáronse de manchas.
O xoves a noticia de que a balaustrada e os bancos estaban manchados chegou á Policía Local a través das queixas de veciños e traballadores municipais e os axentes verificaron a presenza de graxa na pedra. Non obstante, este venres a zona xa está limpa e non puido aclararse a orixe das manchas.