Os nenos piden ao "señor alcalde" rúas máis limpas, novos parques e carrís bici
Os nenos toman a palabra. Alumnos de seis colexios de Pontevedra, todos eles de entre 7 e 11 anos, participaron este mércores no Consello dos Nenos. Trátase dun foro no que os máis pequenos suxiren ao alcalde melloras para a cidade, sempre desde unha óptica que, a miúdo, nos pasa desapercibida aos que xa somos maiores.
Neste novo encontro, no que Miguel Anxo Fernández Lores estivo acompañado polo intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, e o responsable de seguridade viaria do corpo, Jesús Cal, participaron escolares dos colexios Álvarez Limeses, Campolongo, Vidal Portela, Doroteas, Marcos da Portela e Froebel.
Esta actividade, lembrou Fernández Lores, axuda ao goberno municipal a "coñecer a vosa opinión para ver como podemos mellorar a cidade", xa que explicou que a visión dos nenos é "moi importante" dentro do deseño urbano.
Así, os escolares pediron ao alcalde ruas e prazas máis limpas, a instalación de máis papeleiras, a creación de novos parques e o arranxo dos xa existentes, a creación de carrís bici pola cidade ou un maior control sobre os cans que van sen boceira ou os donos que non recollen os excrementos dos seus animais de compañía.
Ademais, tamén reclamaron máis zonas peonís, a instalación de novos lombos en Rosalía de Castro, María Victoria Moreno e a contorna das estacións de tren e autobuses, o arranxo de varias fontes públicas, solucionar problemas de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida ou o asfaltado de fochas nas estradas.
Entre as peticións dos nenos sorprenderon as que pedían ao alcalde acabar co botellón na cidade ou a instalación dun tobogán acuático e unha tirolesa na praia fluvial.
Outros, pola súa banda, advertiron do mal cheiro dos composteros en Monte Porreiro ou que hai demasiadas zonas de carga e descarga, solicitaron máis presenza policial nas rúas e pediron transporte urbano, un parque para cans ou unha zona para practicar parkour.
Lores asegurou que o goberno municipal "toma nota" de todas estas suxestións que cualificou como "construtivas", mesmo aquelas que, segundo o rexedor, non encaixan coa filosofía urbana de Pontevedra.
O colexio Froebel, dentro deste Consello dos Nenos, avanzou un proxecto de seguridade viaria que presentarán na feira Pontenciencia. Consiste nun chaleco reflector que, cando detecta a luz dos coches, ilumínase en vermello e sinala cunha frecha cara á calzada, para que os condutores poidan afastarse de peóns e ciclistas.