As praceiras urxen a poxa de todos os postos baleiros do Mercado de abastos
Por Redacción
As vendedoras do Mercado de Abastos de Pontevedra urxen á concellaría de Promoción económica que acelere o proceso de poxa dos postos de venda que se manteñen sen ocupar no edificio da rúa Sierra. Cren que sería positivo para aumentar a presenza de clientes na praza. Segundo afirma a presidenta da Asociación profesional Praza de Abastos, Mari Carmen Santos, "como hai tanta xente en paro e que quere montar negocios é necesario que se subaste. Isto para facerse ricos non da pero para gañar o pan, si".
Mari Carmen Santos móstrase escéptica respecto aos resultados de converter unha parte da segunda planta do Mercado en espazo para exposicións: "A exposición non lle fai nada á praza. O día da inauguración a xente foi para arriba pero o resto das semanas non houbo nada de visitas. Non trouxo ningunha persoa".
A presidenta da Asociación Praza de Abastos é partidaria de promover outro tipo de actuacións: "Eu penso que hai que tentar traer cousas novas para a praza com promocionar e degustar alimentos". Este mesmo sábado 4 de maio con motivo da véspera do Día da Nai os vendedores do Mercado regalarán 1.200 plantas aos clientes que se acheguen ata alí para realizar as súas compras.
CLIENTE TIPO: MULLERES DE MÁIS DE 50 ANOS
Mari Carmen Santos realizaba estas declaracións durante o sorteo dos bonos de compra da campaña de dinamización Presume de praceiro/á a que asistiu a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, quen considera que os Mercados son un valor de futuro e indicou que as opcións pasan por "mellorar as infraestruturas e a formación do persoal".
Sinalou, ademais, que segundo os estudos que se realizaron dende a Xunta, a clienta tipo dos mercados é unha muller por enriba dos 50 anos: "O público das prazas medrou coas prazas. Hai que buscar ao cliente novo. Os veciños teñen que concienciarse do bo que é mercar na nosa cidade. Por iso facemos campañas como Presume de praceiro. Levámola ás redes sociais e a xente que participou é toda nova. Tamén se están a impulsar iniciativas para levar os nenos pequenos ás prazas".
Sol Vázquez tamén se referiu á situación en xeral do comercio e apostou por "facer campañas que dinamicen o consumo e tentar que o comercio se adapte aos novos horarios comerciais". O portavoz municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, acompañou á directora de Promoción económica durante a visita ao Mercado de Abastos.