O PP pedirá ao goberno melloras no entorno do Monte do Taco
Por Redacción
O Partido Popular presentará unha moción no pleno para executar unha serie de melloras no entorno da rúa de Monte do Taco. Así o anunciou Jacobo Moreira, tras manter unha reunión coa asociación de veciños Río dos Gafos e escoitar as súas demandas para a zona.
Entre as peticións formuladas polos veciños, os populares destacan a necesidade de asfaltar a calzada, deteriorada co paso do tempo pois data dos anos 90, e facer visible un desnivel da rúa que está a provocar numerosos problemas.
Ademais, solicitan unha maior limpeza no entorno da rúa xa que, entre outras cuestións, "poden pasar días sen que se baleiren as papeleiras", puntualizou Moreira.
Por outra banda, a formación popular comprometeuse a estudar a posibilidade de destinar algunhas prazas de aparcamento da rúa Monte do Taco para residentes, xa que "a maioría dos veciños non contan con garaxe, un problema que afecta arredor de 15 vivendas e que podería terse solucionado ofrecendo esta posibilidade".
Tamén solicitará a implantación dunha praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida.