"Misterio na escola", ou como aprender e pasalo ben
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez
O Teatro Principal acolleu este domingo a representación da obra "Misterio na escola ", a cargo dun dos grupos infantís de teatro de "Á procura do tesouro".
Esta función puxo remate a un dos seis obradoiros de expresión dramática plástica e musical que desenvolveu a Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra por décimo noveno ano consecutivo coa coordinación de Migallas Teatro e nos que participaron un total de 170 rapaces con idades comprendidas entre os 4 e os 17 anos.
Durante 22 sesións, os nenos descubriron e fomentaron os seus recursos expresivos e desenvolveron as súas capacidades creativas mediante o xogo dramático.
"Misterio na escola" é unha creación colectiva do grupo de rapaces de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos baseada nas experiencias dos propios nenos no colexio tratadas nun ton humorístico. A obra tamén inclúe xogos e ditos infantís tradicionais dramatizados e mais unha alusión á obra das pintoras traballadas durante este curso nos obradoiros: Julia Minguillón, Sonia Delaunay, Frida Kahlo e Yayoi Kusama.
Por último, esta peza amosa como se pode aprender e pasalo ben ao mesmo tempo mediante o xogo do teatro onde todos e todos son protagonistas.