Faleceu o avogado e político pontevedrés Manuel "Lilo" Paz
Por Redacción
Manuel Alfredo "Lilo" Paz Sánchez faleceu este venres 11 de maio aos 83 anos de idade. O seu corpo está a ser velado na sala 4 do Tanatorio San Mauro.
Lilo Paz, nacido en Pontevedra o 19 de setembro de 1934, foi letrado por oposición de Sindicatos e logo do Goberno Civil, presidiu o Tribunal Tutelar de Menores, foi concelleiro de Pontevedra durante o franquismo sendo a súa intervención decisiva para a construción do Pavillón de Deportes.
Ademais foi procurador nas Cortes en representación da provincia de Pontevedra entre 1967 e o ano 1971 cando o substituíu Antonio Ramilo. Xubilouse do seu traballo na Subdelegación do Goberno en Pontevedra no ano 2004.
Era o socio número dous do Teucro, no que xogou e ao que adestrou en balonmán 11. Mesmo exerceu de profesor de Educación Física.
Entre outras distincións recibiu a Cruz de San Raimundo e a medalla ao Mérito Civil.
O vindeiro luns día 14 terá lugar o funeral ás sete da tarde na igrexa de Santiago Peregrino do Burgo.