O piragüismo e a BTT provocan restricións de tráfico na beira do río
Por Redacción
Dúas probas deportivas, o campionato de España de Piragüismo e a proba Pontevedra 4 Picos de BTT, obrigará á Policía Local a restrinxir o tráfico no ámbito máis próximo ao Pazo da Cultura e a Ponte dos Tirantes.
Con respecto ao piragüismo, a competición será o sábado -entre 9.30 e 21.00 horas- e o domingo -de 9.00 a 15.00 horas-.
O sábado xa non se poderá circular pola avenida de Bos Aires, entre a Ponte dos Tirantes e Monte Porreiro, desde as oito da mañá. Abrirase de novo ao remate, contra as 21.30 horas. O domingo estará cortado este tramo entre as 8.00 e as 16.00 horas.
Desde as tres da tarde do venres, ademais, non se poderá aparcar entre a Ponte dos Tirantes e a pasarela peonil da Illa das Esculturas. A restrición prolongarase ata as 15.30 horas do domingo.
Pola súa banda, a Pontevedra 4 Picos terá lugar o sábado pero as medidas aplicadas pola Policía Local durarán ata o domingo.
Así, a rúa Alexandre Bóveda estará pechada entre as seis da mañá do sábado e as dez da noite do domingo, mentres que a Ponte dos Tirantes e a rúa Rafael Areses tamén o estará entre as 7.00 e as 17.00 horas do sábado.
No caso do estacionamento, non se poderá aparcar na rúa Alexandre Bóveda e no aparcamento interior do Recinto Feiral entre as 00.00 horas do sábado e 22.00 horas do domingo.