Estanse a rebaixar as medidas de seguridade para os buques con mercadorías perigosas na ría de Arousa?
Por Redacción
O Grupo do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento galego presentou unha serie de preguntas para a súa resposta en Comisión, relativas á non activación do protocolo de seguridade para buques que transporten mercadorías potencialmente perigosas e contaminantes.
A iniciativa xorde logo de que o protocolo de seguridade establecido na ría de Arousa non fora activado en días pasados cando o buque de bandeira danesa "Marie Theresa" entrou na ría transportando parafina que foi descargada nos depósitos que Finsa-Foresa ten no peirao de Ferrazo, en Vilagarcía de Arousa.
Segundo a normativa en vigor, na ría de Arousa está delimitada unha canle de entrada, unha canle de saída e unha zona de fondeo, xa que logo o habitual é que os buques que transportan este tipo de mercadorías fondeen no exterior da ría, e que logo en función da súa eslora a manobra de aproximación ao peirao sexa dirixida polos prácticos e escoltado polos remolcadores.
Segundo o BNG "todo indica que este buque fondeou no interior da ría, fronte á illa de Arousa e que ningún remolcador o acompañou nin na entrada nin na saída do peirao de Ferrazo".
"ÿ un risco de contaminación, unha ameaza constante para o conxunto dos sectores produtivos dunha ría da que dependen miles de familias"
A parlamentaria nacionalista, Montserrat Prado, faise eco da "preocupación existente na comarca" e explica que "si a exposición continua ao tráfico destes buques no interior da ría é un risco de contaminación, unha ameaza constante para o conxunto dos sectores produtivos dunha ría da que dependen miles de familias, este multiplícase si non se cumpren escrupulosamente todas as medidas de seguridade".
En concreto o Grupo Parlamentario pregunta se ten "constancia o Goberno galego si por parte do Ministerio de Fomento se están a rebaixar as medidas de seguridade", tamén si se modificará o protocolo establecido para tal fin pola Capitanía Marítima e si ten coñecemento o Goberno galego si se están facendo as inspeccións de buques que chegan ao peirao de Ferrazo para o cumprimento das medidas de seguridade.
E finalmente, pregunta o BNG si lle consta ao Goberno galego si se están a vulnerar as zonas establecidas para fondear estes buques.