Motoristas galegos protestarán no Recinto Feiral polo "abuso recadatorio" de Tráfico
Por Redacción
Din que están fartos de que os axentes de Tráfico os paren na estrada para comprobar as viseras dos cascos dos pilotos, os "latiguillos" metálicos ou as bombas de freo.
Os motoristas galegos consideran que desde a Dirección Xeral de Tráfico está a levarse a cabo unha campaña contra eles, co único obxectivo de recadar diñeiro. Sinalan ademais que os usuarios de motos son parados con frecuencia polos axentes "sen motivo algún" para ter que someterse a controis de alcoholemia e drogas, "dando negativo en todas as probas".
Ante estas situacións, o colectivo MotoClub Plántalle Lume de Marín decidiu realizar unha concentración de protesta no aparcadoiro do Recinto Feiral de Pontevedra.
A través das redes sociais sondaron o apoio que tería esta iniciativa e finalmente convocaron para o domingo 27 de maio aos motoristas de Galicia que sentan afectados por estas circunstancias. A concentración iniciarase ás 17.00 horas e finalizará tres horas máis tarde.
Queren que este acto sirva para defenderse de maneira público, chamar a atención das autoridades e evitar que sigan sendo tratados "coma se fósemos delincuentes", afirman desde o colectivo organizador.