Pablo Álvarez: "A Policía é un dos entes que pode colaborar na violencia de xénero, pero non é a solución"
Pablo Álvarez Montesinos fai repaso nesta entrevista aos retos e que afronta na súa nova etapa profesional: deu o paso desde a Policía Nacional á unidade adscrita a Galicia, a coñecida como Policía Autonómica, como novo xefe en Pontevedra. Aproveita, ademais, para valorar como ve a situación da seguridade nalgunhas das áreas competenciais da súa unidade: menores, violencia de xénero, medio ambiente e incendios e, como colofón, a súa nova tarefa como presidente das corridas de touros da feira taurina da Peregrina.
Recentemente chegado á unidade, cales son os seus retos máis inmediatos?
Incendios é un tema importante. Todo o de violencia de xénero tamén é un reto importante que ten a unidade; o furtivismo tamén, que se está levando a cabo, non só desde aquí, senón tamén desde a unidade central que está en Santiago de Compostela. Logo está o tema de menores, que é un moi delicado e deberíanos preocupar a todos os cidadáns e a nós máis. É o futuro do noso país e creo que é moi importante ter unha especial atención a menores.
En materia de menores un dos aspectos nos que máis están a traballar é a inspección de locais para comprobar que non lles vendan alcol. Como está a ser esa actividade?
Ao longo de todos estes anos é un tema que o temos como prioritario porque a deterioración cognitiva destes mozos carrexa un malestar en xeral á sociedade. Un dos temas máis importantes que temos é o do control destes locais.Este mes fixemos 54 inspeccións a locais de toda a provincia. Fanse practicamente todas as semanas. Eu creo que están bastante concienciados tanto os empresarios destes locais de que teñen que evitar a venda de bebidas alcohólicas aos mozos como nos supermercados, onde se fai venda para o botellón. Isto é máis difícil de controlar, aínda que están advertidos todos os empresarios. Detectouse que diminuíu moito o consumo de alcol por parte de menores na vía pública, o botellón e en xeral na vía pública. É moi importante o tema dos incendios, de violencia de xénero… pero eu creo que unha das cousas máis importantes que habemos de ter en conta é que os mozos son o noso futuro.
"Detectouse que diminuíu moito o consumo de alcol por parte de menores na vía pública"
Que considera que é prioritario para mellorar en materia de menores?
Creo que é prioritaria a educación, a formación destes mozos. Nós colaboramos. Mesmo na colaboración que temos coas familias convidamos os pais e aos fillos para ir a cursos de formación, a desintoxicarse, porque parece que non, pero déronse casos de comas etílicos. Ultimamente pódese dar algún caso, pero reduciuse moito e iso moito é derivado da pouca venda e que nos están facendo caso porque a verdade é que vender clandestinamente alcol é bastante fácil nesta sociedade na que vivimos. Se nos imos concienciando tanto os empresarios como os pais de que hai que tentar evitar iso, pois se evita.
Considera que este consumo de alcol ou de drogas por parte dos menores inflúe nos repuntes da delincuencia nestas idades temperás?
Totalmente. A gran maioría da delincuencia que se produce nas cidades é derivado de persoas que ou necesitan consumir e non teñen diñeiro ou necesitan porque están tan deteriorados mentalmente que resulta que delinquen por adicción. A maioría da delincuencia autóctona é derivada dunha mala formación, un consumo de substancias -chámese alcol, cannabis ou coca- e o que ven moitas veces na súa casa. Familias deas estruturadas económica e socialmente, que se cadra son de bo nivel económico, pero están desestructuradas por falta de contacto cos fillos.
Outra das súas competencias é a protección das vítimas de violencia de xénero. como está a ser a implementación da súa protección?
Creo que foi un paso adiante da policía autonómica, que é un labor moi importante. Levamos neste momento 17 mulleres. Creo que o máis importante é a colaboración coa Garda Civil a Policía Nacional e a Policía Local. Isto non é un problema dun Corpo, é un problema da sociedade. Todos os entes sociais terían que facerse eco das problemáticas que temos. A Policía é un dos entes que pode colaborar, pero non é a solución. A solución está na formación dos mozos e tamén dos adultos. Aos pais viríanos tamén moi ben.
Unha das áreas que máis traballo lles xera é a dos incendios. Despois do ocorrido o pasado outubro, teñen pensado algún reforzo no servizo?
Eu creo que os medios se están poñendo. Que poden ser máis, pois me imaxino que si, sempre poden ser máis, pero creo que tamén hai que concienciar moito aos cidadáns de que esta é a nosa terra, témola que coidar e se cadra pódense xestionar doutras formas os terreos. Están a facerse unha chea de inspeccións das franxas de seguridade. Unha dos labores preventivos que temos é inspeccionar todo o bosque e o material para detectar as franxas que hai que respectar, para que, xa que temos os incendios, polo menos que non haxa vítimas. É un labor calado, de todo o ano. Este mes fixemos 207 inspeccións de bosques e formulamos 57 denuncias de zonas que tiñan que estar xa saneadas e non se sanearon de momento. Ademais, hai unha persoa que está imputada por un incendio. En xeral, no medio ambiente fixemos 257 inspeccións este mes.
"Non é unha cousa que me quite o soño presidir as corridas de touros. O apupo téñoo asumido. Os asubíos tamén"
O control do furtivismo tamén é da súa responsabilidade. Hai moita xente dedicándose á pesca furtiva?
Eu creo que vén moito derivado da situación económica. Hai moita xente en paro, moita xente que o que ingresa ao longo do mes non lle chega, entón, a parte da súa vida habitual, é recogedor de percebes ou de ameixa. Eu penso que o fan con esas miras, non de enriquecerse. Ese é o pequeno furtivo, logo hai o furtivo que está xa dentro dunha organización delincuencial e ese é o que máis me preocupa. O pequeno furtivo ten a súa importancia porque lle está quintando o pan a outros que están a pagar para ter as súas áreas de cultivo. Nós facemos inspeccións diarias na costa, tanto no Morrazo como no Salnés, está bastante trillado, pero recoñezo que se temos que desenvolver un labor de investigación, está mellor centralizado en Santiago, hai xente máis centrada niso e máis preparada
Pechemos cun tema máis persoal. Como leva ir aos touros?
Téñome que poñer ao día. O regulamento de tauromaquia lino cando ingresei neste Corpo. Que pasa? Que pasaron 30 e tantos anos e eu nunca fun aos touros, pero, bo, entendo que é un traballo que teño que desenvolver, é a miña profesión, poñereime ao día, tentarei asesorarme ben e cumprir co meu labor o mellor que poida. Todo o mundo fálame dos touros e non te creas que é das cousas que me preocupan agora mesmo. Sería un inconsciente se digo que non me preocupa, pero non é unha cousa que me quite o soño presidir as corridas de touros. Instruireime, asesorareime de quen me teña que asesorar. Nunca asistín aos touros porque, por deformación profesional, estar nos lugares de moito xentío normalmente evítoo. Pero se hai que facelo, faise e punto. Apréndese e faise. O apupo téñoo asumido. Os asubíos tamén.