Pisala non trae sorte
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas quere mellorar a limpeza do centro da vila e decidiu iniciar unha campaña de concienciación dirixida aos propietarios de cans. Nesta campaña indícase aos donos das mascotas que recollan os excrementos dos animais.
A proposta inicialmente é informativa pero o goberno de Andrés Díaz estuda a posibilidade de comezar a sancionar os infractores no caso de que se incumpran as normas de limpeza. A Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía permite aos concellos impoñer multas de entre 100 e 500 euros por este tipo de infraccións leves.
A campaña de cartelería alertará da recollida baixo a frase "porque pisala non trae sorte" lembrando que o can é do propietario mentres que a vila é de todos.
O Concello ten previsto finalizar nas próximas semanas a limpeza con auga a presión das beirarrúas de Ponte Caldelas para preparar o municipio para a celebración da Festa da Troita, prevista para a última fin de semana do mes de maio.