O TSXG confirma seis anos de prisión para un home por abusar da súa neta entre os 8 e os 9 anos
Por Natalia Puga
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de confirmar a sentenza que condena a un avó a seis anos de prisión por abusar da súa neta entre os oito e os nove anos.
Os feitos foron xulgados e condenados na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, pero o acusado recorreu, de modo que o TSXG revisou o caso. Tras analizar o proceso os maxistrados decidiron desestimar o recurso de apelación e confirmar o fallo.
A sentenza agora confirmada declaraba probado que o home era autor dun delito continuado de abuso sexual por abusar da filla do seu fillo desde que a menor tiña oito anos ou se atopaba próxima ao seu cumprimento durante os fins de semana en que quedaba ao seu coidado no seu propio domicilio no sur da provincia.
"Con ánimo libidinoso, tocáballe a vulva e os seus peitos tras subirlle a camiseta, dáballe bicos na boca, con introdución da lingua, e ás veces lamíalle a orella", considera probado a sentenza, que engade que nunha ocasión, cando a pequena se atopaba durmindo a sesta na cama do acusado, este deitouse tamén e obrigouna a facerlle tocamentos e noutra fíxolle tocamentos nos que mesmo lle causou dor.
O acusado foi condenado a seis anos de prisión e tamén á prohibición de aproximarse á menor, ao lugar no que resida ou a calquera outro lugar frecuentado pola mesma nunha distancia de 300 metros, así como a prohibición de comunicación con ela por calquera medio durante nove anos.
Igualmente, impónselle a pena de liberdade vixiada por dez anos e a de inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que leve contacto regular e directo con menores de idade por tempo de once anos. Tamén debe indemnizar á menor con 6.000 euros.