Unha menor confirma na Audiencia que o seu avó abusou dela entre os 8 e os 9 anos cando quedaba ao seu coidado
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Unha nena de 10 anos confirmou este martes nunha sala de vistas da Audiencia Provincial de Pontevedra que entre os 8 e os 9 anos o seu avó paterno abusou dela cando quedaba ao seu coidado, someténdoa a distinto tipo de tocamentos e con comportamentos libidinosos que a Fiscalía cualifica como un delito continuado de abuso sexual.
A menor declarou tras un biombo e, a petición da Fiscalía e a acusación particular, sen ter contacto visual co seu avó. Fíxoo, ademais, a porta pechada, para evitar a presenza na sala dos medios de comunicación. Segundo se confirmou máis tarde, na súa declaración ratificou todo o que xa denunciou o ano pasado, cando o 23 de abril contou aos seus pais o último episodio de abusos e estes acudiron á súa pediatra e máis tarde denunciaron os feitos formalmente.
O avó, pola súa banda, negouse a dar a súa versión do ocorrido. Cando chegou o momento da súa declaración, dirixiuse ao tribunal e comunicoulle que se atería ao seu dereito a non declarar e non respondería as preguntas de ningunha das partes dado que "no se me ha dado todas las posibilidades de defenderme" durante o procedemento xudicial.
Pola sala si pasaron en audiencia pública diversos forenses que confirmaron que o testemuño da menor é "altamente creíble" cando asegura que o seu avó someteuna a tocamentos durante moito tempo, polo menos un ano, desde que tiña 8, e en lugares distintos no termo municipal de Tui e na Guarda. Os especialistas que realizaron unha pericial psicolóxica da menor descartaron toda posibilidade de que estivese a mentir e non atoparon ningunha motivación que puidese levala a acusar en falso ao seu avó.
Os pais relataron que a nena lles contou o ocorrido tras un episodio de abusos no xardín da súa casa e, cando lle preguntaron, relatou á nai máis situacións similares anteriores. Na actualidade, a nena está a recibir terapia, "sigue teniendo miedo al abuelo", sofre pesadelos, "tiene malos recuerdos" e non consegue esquecer o ocorrido.
Tras escoitar á menor, os seus pais e os especialistas, a fiscal do caso, Encarnación Boullón, mantivo a acusación contra o avó e mesmo a aumentou, pois inicialmente considerábao autor dun delito de abusos sexuais e pasou a considerar acreditado que cometeu un delito continuado de abusos sexuais no que prevalece unha situación de superioridade do home sobre a súa neta.
A acusación particular tamén mantivo que cometeu un delito continuado de abusos e todos piden unha condena de prisión, pero tamén orde de afastamento e liberdade vixiada. A petición inicial da Fiscalía era a seis anos de prisión, prohibición de achegarse á menor, o seu domicilio, centro de estudos ou calquera outro frecuentado por ela así como de comunicarse con ela por calquera medio directo ou indirecto durante nove anos e, a maiores, 10 anos de liberdade vixiada e inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que leve contacto regular e directo con menores de idade durante 11 anos.