Encontra 50 plantas de marihuana na súa leira de Marín e entrégaas á Policía Nacional
Por Redacción
A Policía Nacional de Marín recibiu este luns unha denuncia desconcertante. Un home explicáballes que tiña marihuana e facíalles entrega desta.
A curiosa confesión ten a súa xustificación. O home non é o propietario da substancia estupefanciente, atopouna na súa propia leira e descoñece a quen pertence.
Segundo explicaron fontes policiais, o citado veciño de Marín relatou aos axentes que é propietario dun descampado urbano situado no lugar de Besadas, nas inmediacións da rúa Inferniño e nas proximidades do seu domicilio.
Cando chegou ao terreo encontrouse con que había catro recipientes con plantas dos que descoñecía a orixe e, ao observalos con detemento, decatouse de que o que plantara podería ser marihuana.
Unha patrulla policial realizou unha primeira inspección dos citados recipientes e levantou atestado ao constatar que tiña 50 plantas de marihuana en crecemento, dunha altura media de entre 3 e 4 centímetros cada unha.
O rechamante achado saíu á luz este martes de boca do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, que asistiu á Xunta Local de Seguridade de Marín e, na súa comparecencia ante os medios de comunicación, explicou que incautaran unha importante cantidade de marihuaa.
Coello rexeitou achegar máis detalles, pero estes remataron transcendendo e tamén que a Policía Nacional mantén aberta unha investigación para tratar de localizar o dono das plantas.