Martes con sol e alerta laranxa na costa
Por Oskar Viéitez
Cando todos celebrabamos o prognóstico de tempo asollado para este martes 17 de abril a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sorprendeu a todos ao activar a alerta laranxa por temporal costeiro a partir do mediodía.
A Vicepresidencia da Xunta emitiu un comunicado, no que lembra que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) indica que, a partir do mediodía do martes, haberá mar combinado de oeste e noroeste, con ondas de cinco a seis metros no litoral da Coruña.
A primeiras horas da tarde, a alerta laranxa activarase tamén na costa de Pontevedra e, xa na madrugada do día 18, chegará á Mariña lucense.
Ante estes fenómenos meteorolóxicos, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, é dicir, de diques, rompientes ou paseos marítimos. Tamén recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera tipo de actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Así mesmo, lembra que os portos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos e recomenda evitar paseos por preto deste tipo de instalacións.