As traballadoras de Cuca agardan que a xuíza declare nulo o ERE
Por Redacción
Ao redor dunha vintena de traballadoras da conservera Cuca acudiron ao edificio da Audiencia para asistir no Xulgado do Social número 2 ao xuízo sobre o ERE establecido pola empresa Garavilla tras comprar a fábrica de Vilaxoán. Segundo manifestaba o representante sindical, Francisco Vilar, teñen as súas esperanzas postas neste proceso: "Agardamos que a xuíza declare o ERE nulo por fallos durante o proceso e porque a empresa actuou de mala fe desde o principio tanto por non respectar os tempos das xuntanzas como por non ofrecer alternativas. A empresa tiña como obxectivo trasladar as traballadoras sabendo que moitas delas non ían poder facelo. O que no fondo buscaba a empresa era reducir a plantilla porque as traballadoras non realizasen ese traslado".
Durante a vista oral que comezou con máis de 3 horas de atraso, os representantes sindicais consideran que quedou demostrado que as causas organizativas alegadas pola empresa para presentar o ERE quedaron desacreditadas polos peritos. Tampouco existían causas económicas, segundo as mesmas fontes, xa que os datos auditados demostraban que en 2010 e 2011 o balance de Cuca foi positivo e "por iso queda acreditado que houbo fraude no procedemento".
O ERE de traslado afecta a 69 traballadoras que terían que desprazarse á fábrica do Grove. Algo ao que a maioría non está disposta: "A pretensión da empresa é de mala fe para que a plantilla quedara na casa e aproveitarse da reforma laboral para facer uns despidos baratos", afirma Francisco Vilar que agarda que a sentenza declare a nulidade do ERE.
Os representantes sindicais entenden que este proceso pódese alongar con motivo dos recursos que se presenten pero aseguran que non queda outro remedio porque "a posición da empresa é de non ter ningún tipo de negociación. Din que quere incrementar a plantilla pero despois, cando llo pedimos por escrito, néganse. Queren pasar dun proceso artesanal a un proceso industrial onde sobrará a metade da plantilla. Por iso, a empresa non quere dar garantías".
Mentres, un retén de traballadoras mantén a garda ante a nave para evitar un novo intento de traslado da maquinaria que se atopa no interior. Vilar entende que, nestes momentos, a empresa non se vai atrever a acometer ese traslado porque esas máquinas foron subvencionadas por fondos europeos de pesca: "A empresa sen autorización da Xunta e da Comunidade Económica non podería facer uso desa maquinaria. As axudas eran para empresas pequenas e non para as grandes. Deste xeito, Garavilla compra a Cuca e faise con esa maquinaria á que eles non podían acceder". Por este motivo, os representantes sindicais cren que se freou o transporte desa maquinaria.