A protesta contra os novos composteiros que quedou diluída

© Clara Alonso

© Clara Alonso

© Clara Alonso

© PontevedraViva
Cinco da tarde en Eduardo Pondal. Non soan nin cazolas nin chifres na concentración prevista en contra da instalación de composteiros nesta zona da cidade. O concelleiro popular José Luis Martín é dos poucos que nese momento se achegaba ata o lugar onde se atopa o novo centro de compostaxe desa rúa.
Pasados uns minutos comezan a chegar varios veciños máis. A maioría procede de Monte Porreiro, desde onde se impulsa unha plataforma contra estes depósitos de residuos orgánicos. A forte choiva que comezaba a caer provoca que se situasen baixo os voladizos dun edificio da rúa e apenas amosaran a súa disconformidade coa instalación.
Un dos portavoces indica que os veciños botáronse atrás porque a concentración carecía de permiso da Subdelegación de Goberno e temen que poidan ser multados por axentes da Policía Local. De feito, durante as últimas horas, os carteis de chamamento a esta protesta apareceron tachados anunciando que se desconvocara.
A poucos metros de alí, en Ponte Boleira, atópanse os "mestres composteiros" explicando aos veciños que se achegan como é o proceso. Un dos encargados explica que a demanda de Eduardo Pondal fora excelente superando as expectativas, por iso foi necesario que se instalara outro centro de compostaxe. Estaba previsto para 120 persoas e actualmente 120 familias están a achegar, multiplicando o número de residuos urbanos nese punto.
A continuación, os mestres composteiros trasládanse ata o outro centro de compostaxe situado en Camiño de Ferro nas proximidades ás vías da Estación. Ata ese mesmo punto achéganse tamén os veciños que amosan os seus carteis de "Composteiro aquí non".
Os "mestres composteiros" atenden algúns dos manifestantes explicándolles que estes depósitos non provocan mal cheiro se se utilizan adecuadamente e mostrando o procedemento. Entre os veciños que atenden á charla informativa atópase tamén o concelleiro popular José Luis Martín.
Os representantes da plataforma veciñal malia o fracaso da convocataria afirman que, en todo caso, continuarán coas protestas porque consideran que este tipo de instalacións non poden situarse en zonas urbanas, preto de establecementos comerciais e vivendas.
Protesta veciñal ante os composteiros
Leve protesta ante os composteiros de Eduardo Pondal e Camiño de Ferro. Os "mestres composteiros" achegáronse ao composteiro de Camiño de Ferro e Ponte Boleira para explicar aos veciños o seu funcionamento
© Clara Alonso
Relacionadas:
-
Eduardo Pondal celebrará cunha festa a súa primeira produción de compost
Por Oskar Viéitez |
-
A sobreaportación nos composteiros de Eduardo Pondal obrigará a poñer máis ou pechalos
Por Oskar Viéitez |
-
Desbloquean o reparto de 8.000 composteiros individuais no municipio
Por Alejandro Espiño |
-
Contratan por 178.000 euros a instalación de 18 novos centros de compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra inicia os trámites para contratar catro persoas para os composteiros
Por Redacción |
-
Moreira critica que se estean "desperdigando" pola cidade "miniplantas" de compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
Os composteiros de Ponte Boleira e Camiño do Ferro, en funcionamento desde mañá
Por Redacción |
-
O PP insta a Lores a reunirse cos veciños de Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
Veciños de Eduardo Pondal e Ponte Boleira paralizan durante dúas horas a instalación dos composteiros
Por Anxo Lourido |
-
Da Silva acusa ao PP de organizar un "ataque coordinado" para "boicotear" a compostaxe
Por Alejandro Espiño |