A asemblea de delegados de CIG reflexiona sobre a "necesidade" de convocar unha folga xeral
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/eec/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5acdfcd524-img_0978.jpg)
© Paula Sanmartín
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/032/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5acdfd3207-img_0962.jpg)
© Paula Sanmartín
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/168/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5acdfd4bb5-img_0984.jpg)
© Paula Sanmartín
O ano 2017 foi "un ano de loita" e 2018 está a ser o ano da eclosión das mobilizacións contra a crise e os efectos das "políticas laborais nefastas". No medio desta corrente reivindicativa, o sindicato CIG puxo sobre a mesa a "necesidade" de dar un paso máis e convocar unha folga xeral nunha data aínda sen determinar e este mércores os dirixentes sindicais comprobaron que contan co apoio das bases.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, participou este mércores nunha asemblea de delegados do sindicato celebrada no salón de actos do edificio sindical de Pontevedra e, ao remate da mesma, explicou aos medios de comunicación que reflexionaran sobre o particular e o sentir maioritario dos participantes é que é necesaria esa mobilización.
Paulo Carril explicou que a asemblea pretendía analizar a situación do sistema público de pensións e as mobilizacións convocadas pola CIG na súa defensa, en concreto, as previstas para este domingo 15 de abril en toda Galicia. Hai convocados actos en 25 localidades "para que non nos rouben vos nosos dereitos".
Esas mobilizacións do domingo serán un termómetro para saber a reacción social e para esa futura folga xeral. Tras esa xornada de protestas que auguran multitudinaria, seguirase sondando á base social do sindicato de fronte ao paro xeral. Levarase o debate aos centros de traballo e tamén se trasladará a proposta de forma oficial aos sindicatos UGT e CC.OO..
Paulo Carril compareceu este mércores acompañado do secretario comarcal de CIG en Pontevedra, Marcos Conde, que fixo un chamamento á participación masiva nestas protestas previstas en todas as comarcas do país pola "necesidade" de "dar resposta ao ataque que está sufrindo a clase traballadora".
O responsable do sindicato en Galicia puxo como exemplo de "dignidade" as manifestacións das pensións xa realizadas nos últimos meses e desde que no ano 2011 CIG abandera as protestas en contra das lexislacións do PSOE e o PP en materia de pensións nos anos 2011 e 2014.
Tamén consideran un exemplo desa dignidade a histórica folga de mulleres do 8 de marzo e os máis de dous meses de folga dos traballadores da xustiza.