O mal tempo obriga a aprazar por segunda vez Caldelas Aventura
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas anunciou a suspensión, por segunda vez e de novo a causa do mal tempo, da actividade lúdica Caldelas Aventura, que se ía a celebrar este domingo 8 de abril.
Tanto o goberno local como a empresa Galaicaventura fixaron o domingo 13 de maio como nova data para a súa celebración, esperando que ao atrasala sexa máis probable contar coas condicións de tempo seco que son necesarias para a montaxe e a celebración do evento "en condicións de seguridade", sinalaron desde o Concello.
A pesar das sucesivas cancelacións, Caldelas Aventura manterase no calendario ata que a meteoroloxía permita que saia adiante, confirmaron as partes implicadas.
A actividade ten carácter solidario, pois o custo da inscrición de só 5 euros, será ingresada na conta solidaria do Concello e Cáritas en favor dos damnificados polos incendios forestais de outubro.
A inscrición pode aínda realizarse en grupos de catro persoas, pero tamén é posible facela individualmente, porque todas as persoas serán asignadas a un grupo. Os equipos deberán completar un percorrido e ir superando probas, pero sempre cun enfoque non competitivo.
Consistirá en diversas estacións para ir superando diversas probas de habilidade, entre elas haberá rocódromos, cordas de equilibrios ou tirolesa. Ademais colocaranse balizas de selado polas que terán que ir pasando os participantes. Toda a montaxe estará situada no centro urbano de Ponte Caldelas.