Denuncian que o camión de Emerxencias de Sanxenxo non puido acceder a unha vivenda incendiada en Noalla
Por Redacción
Un incendio que se rexistraba o martes nunha vivenda de Noalla provocou que o equipo do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo se atopara con dificultades para acceder ata o punto onde se orixinou o lume, segundo denuncia a concelleira non adscrita Vanessa Rodríguez Búa. Segundo sinala, o camión non podía entrar por un camiño estreito para chegar á vivenda. Foi necesario que estirasen unha mangueira de 200 metros para chegar coa auga ata o lume. Eses minutos que levou ese traballo "poderían ser fatais para a vida dalgún veciño", apunta Rodríguez Búa.
O día anterior esta concelleira solicitara no pleno da corporación municipal de Sanxenxo a adquisición dun camión de incendios de reducidas dimensións para estes casos. Sinala que durante o tempo en que foi responsable deste servizo como concelleira de Seguridade levara a cabo xestiones co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e co deputado Carlos Font para financiar este vehículo. Con todo, o novo goberno de Telmo Martín non aceptou a proposta cando o tema levouse a pleno, denuncia a concelleira de Sanxenxo Independentes.
A actual concelleira portavoz do goberno local, María Deza, do Partido Popular, expuxo no pleno que resulta suficiente mellorar o acceso ás bocas de incendio en lugar de adquirir o novo camión.