Rodríguez Búa solicitará ao concello a emisión gratuíta dos certificados da revisión catastral
Por Oskar Viéitez
Ao redor dun centenar de persoas acudiron na Casa Forestal As Canteiras de Noalla á reunión informativa convocada por Vanessa Rodríguez Búa, concelleira de Sanxenxo Independentes, para resolver as dúbidas que expoñen as notificacións relativas á revisión catastral en marcha.
Rodríguez Búa tivo ocasión de constatar o alto grao de inquietude que esta cuestión está a xerar, así como o malestar que suscita a escasa información á que poden acceder os cidadáns cando se achegan ao momento de información habilitado polo Concello.
Tras máis de dúas horas de reunión, Vanessa Rodríguez Búa comprometeuse en Noalla a solicitar ao Concello que non cobre os certificados que sexa necesario emitir polo departamento de Urbanismo para que os afectados por esta revisión poidan presentar as súas alegacións.
Esixirá tamén que a administración local ofreza máis e mellor información e solicitará ao Concello que estude a posibilidade de renunciar a reclamar as cantidades correspondentes aos catro últimos anos.